O pasado venres, 14 de decembro, Lúa Filmes e a Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Coruña presentaron nun acto público o documental O RESPLANDOR DAS ATOCHAS, que nace despois do roteiro realizado hai uns meses polo barrio das Atochas-Monte Alto, lembrando a represión franquista hai 70 anos neste barrio coruñés, coñecendo ás vítimas, represaliados e familiares, e entrando na vida e organización do barrio fronte á represión franquista. Os relatos van desvelando a memoria, achegando os recordos dolorosos que perviven protexidos polo paso do tempo. Era cando a fraternidade, a igualdade e a liberdade enchían a vida.
O documental, que ten unha duración de 45 minutos, está dirixido por Jorge Gil, producido por Lúa Filmes, IACE, S.L., en colaboración con Televisión de Galicia e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.