Editorial Trifolium, dentro da súa colección Fume de leña, ven de sacar do prelo Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935, de Federica Montseny.
O libro foi traducido ao galego por Enrique Sánchez e leva un limiar asinado polo historiador Eliseo Fernández. A ilustración da cuberta é obra da pintora galega Ánxela Pérez Meilán.
Cando Federica Montseny, unha das figuras máis prestixiosas do movemento libertario, pois a súa vida é en parte a historia mesma do anarquismo ibérico, viaxou por Galicia en decembro de 1935, a expectación creada pola súa presenza era enorme, e non exenta de polémica. Federica aliñábase na corrente máis radical da CNT, que impulsara os movementos insurreccionais de 1933, e era moi crítica coa militancia anarcosindicalista máis moderada.
A xira tivo lugar entre os días 3 e 16 de decembro de 1935, e transcorreu polas localidades de Betanzos, Ferrol, Cariño, Santiago, A Coruña, lugo, Carballo e Ourense. Foron dúas semanas nas que Federica Montseny traballou por difundir as ideas libertarias nesta terra, ao tempo que se enchoupaba da paisaxe, das xentes e da camaradería dos seus correlixionarios en Galicia. Con poucos medios e moitos atrancos, milleiros de homes e mulleres escoltaron con abraio a persuasiva e potente voz de Federica.
Federica Montseny, tal como indica o historiador Eliseo Fernández no limiar do libro, non só fixo un fructífero traballos propagandístico entre os homes e mulleres do mar, do campo e da cidade, senón que ademais, levantou acta da existencia daquela Galicia libertaria que pasou diante dos seus ollos por algúns días. E difundiu o que vira neste vívido relato da súa andaina por Galicia, publicado originalmente por entregas en “La Revista Blanca”, nos primeiros meses de 1936.
O relato que recuperamos para a colección Fume de leña é breve, mais tremendamente condensado. As páxinas da reportaxe reflecten a admiración que espertou nela a paisaxe galega, daquela case virxe, que louba continuamente; aparecen tamén descricións e anécdotas de cada unha das vilas e cidades que percorreu; e mesmo se atreveu a entrar a analizar, case socioloxicamente, o carácter dos homes e mulleres do país. Mais, sobre todo, o que distingue a este traballo doutras reportaxes do estilo é a vívida descrición que fixo Federica do movemento libertario galego.