lunes, 10 de diciembre de 2012

Finou Carmen Castro, victima da represión franquista en Sada


O pasado 25 de novembro foi enterrada no cemiterio do Fiunchedo (Sada - A Coruña), Carmen Castro. Carmen Castro faleceu aos 98 anos, ainda que a súa vida quedou marcada no verán de 1936 polo asasinato do seu compañeiro, José Leira Torrado, secretario do SOV da CNT de Sada.
De seguido transcribimos un relato da súa historia publicado pola A.C. Irmáns Suárez Picallo desa localidade mariñana, ao igual que a foto que ilustra este post:

Carmen Castro era unha rapaza de Mondego que casara en Sada cun home culto e lúcido, José Neira Torrado. Con so 18 anos, Neira era xa no 1931 un recoñecido dirixente sindical na vila, e formaba parte da directiva do Sindicato de Oficios Varios, da CNT, desde a súa fundación. No 1933 sería designado secretario da entidade obreira. Hoxe recoñecemos a súa caligrafía elegante e impecable nos escritos que se conservan do Sindicato. Un deles corresponde ao texto que encabeza unha recollida de sinaturas coas que, en outubro de 1932, se reclamaba a destitución da Corporación Municipal pola súa ineficacia a hora de xestionar unha partida de cartos para paliar o paro obreiro. Entre aquelas máis de 600 sinaturas figura tamén a de Carmen Castro.
José e Carmen eran un matrimonio novo con 2 fillos e a esperanza posta nun futuro máis xusto para eles cando o golpe militar de xullo do 36 rachou con todos os soños e con todos os proxectos. Un día -1 de setembro- José Neira desapareceu canda outro veciño seu, o seu compañeiro da CNT José Cadaveira. Os seus corpos sen vida aparecerían na parroquia de Crendes, en Abegondo, onde recibiron sepultura para sempre. O resto da historia é facilmente imaxinable. Carmen, da noite para a mañá, convertíase nunha viúva de 22 anos con 2 fillos ao cargo. O silenzo, a vexación e a indefensión serían os seus acompañantes naqueles anos grises de miseria. Vivir o drama sen poder contalo. Padecer sen consolo posible a traxedia de perder a home bo que non cometera máis delito que procurar o ben común, o avance colectivo cara realidades mellores en correspondencia ao seu pensamento libertario.

Hai cinco anos, Carmen coñeceu unha cativa reparación ao ver por vez primeira dignificada a memoria do seu marido: o nome de José Neira figuraba xa no bronce dun monumento as vítimas da represión franquista en Sada, obra do escultor Valdi e produto da iniciativa e do empeño de Jesús Castro (que pese a condicidencia no apelido non garda parentesco con Carmen) e das aportacións económicas xenerosas de veciños e veciñas. Desde aquela, cada 14 de abril a A. C. Irmáns Suárez Picallo realizamos alí unha ofrenda floral, ofrenda na que Carmen, cos seus noventa e moitos anos, participou varias veces, o que para nós era toda unha honra. O ano que ven xa non estará, pero prevalecerá o recordo daquela muller e da súa enorme dignidade.
Carmen, compañeira, que a terra che sexa leve.